Tuesday 16 de April de 2024

O Concello de Cerdido mantén a súa postura de preocupación ante as consecuencias negativas que tería a execución do parque eólico do Badulaque


• O Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico ven de resolver 7 expedientes de forma positiva, entre os que se encontra este proxecto

• Desde o Goberno central non contestaron ningunha das alegacións feitas ao impacto ambiental que se aprobaron no pleno municipal

• Tampouco contestaron a un total de 684 alegacións feitas pola veciñanza de Cerdido

O Concello de Cerdido mantén a súa postura de preocupación ante as consecuencias negativas que tería a execución do parque eólico do Badulaque.

O pasado mércores o Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (Miteco) resolveu once expedientes de parques eólicos en Galicia, dos que 7 tiveron unha resolución favorable, un foi denegado e dous arquiváronse.

Un dos expedientes favorables é o do parque eólico do Badulaque, pertencente á compañía Enel Green Power, que se sitúa entre os concellos de Cerdido, Valdoviño, Moeche, Cedeira, As Somozas e As Pontes e que aportaría 90 megavatios.

Desde o Goberno central non remitiron contestación algunha ás alegacións ao impacto ambiental que se enviaron desde o pleno municipal, asinadas polos dous partidos pertencentes.
Tampouco emitiron ningunha contestación a un total de 684 alegacións feitas por parte da veciñanza de Cerdido.

Por outra banda, o Boletín Oficial del Estado, publica hoxe a declaración do impacto ambiental do proxecto, que segue dando pasos para a súa consecución.

O alcalde de Cerdido, Benigno Galego, quixo mostrar, de novo, a súa preocupación “polas consecuencias que a execución deste proxecto tería para a noda veciñanza”.

Segundo apuntou o rexedor “este parque eólico tería unhas consecuencias irreparables a nivel ambiental, de ecosistema e, sen dúbida, modificaría o día a día de todos os cerdidenses”.
Por último, Galego mostrou o seu “descontento ca Administración central, ao non dar resposta a ningunha das alegacións ambientais que lles remitimos”.